martes, 28 de octubre de 2014

BEGOÑA CAAMAÑO, IN MEMORIAM


Hoxe as Letras Galegas botan en falta a unha das súas escritoras, a Begoña Caamaño, que faleceu no día de onte. 

En palabras de Ramón Nicolás :
Disque Penélope tecía e destecía. Begoña Caamaño, nun momento dado, decidiu asumir un reto: tecer palabras para construír un marabilloso tapiz, rabenado dolorosamente onte, que escintila en Circe ou o pracer do azul (2009) e mais en Morgana en Esmelle (2012). Neles transparéntase a autora: a súa alegría, a súa vontade de transgredir os mitos e peneiralos cun cribo feminista; neles repousa aquilo no que acreditaba, o que amaba e detestaba; nesas palabras que teceu como unha nova Penélope latexa a súa bondade e o seu sorriso tan inesquecible. Con elas gañou un espazo único e perdurable para a literatura, para nós. (En lembranza de Begoña Caamaño. Tamén publicado nas páxinas de La Voz de Galicia,o 28 de outubro de 2014)


En palabras de María Reimóndez

Comunidades dos afectos

Hai momentos nos que as palabras se fan difíciles e eses adoitan ser aqueles nos que son máis necesarias. Os momentos nos que alguén importante cruza a distancia máis longa, o silencio máis amplo e definitivo e as demais quedamos destoutro lado, desnortadas. O silencio, sabía Begoña Caamaño que sempre erguía a súa voz, adoita facer mal. A min hoxe faime mal. Faime mal que a noticia do seu pasamento non abra eses xornais que pensan que escriben para “Galicia e xalundes”, os medios de comunicación xerais e cativos que nos rodean e que ela, xornalista de profesión, coma tantas outras, nunca mereceu. Porque hai quen di que temos o que merecemos, mais a realidade amosa cada día que iso non é verdade. Begoña Caamaño non merecía o país no que vivía, tampouco moitas outras cousas. E ademais de non merecelo e precisamente por iso, traballaba por outro ben diferente. Un, que chamarei a comunidade dos afectos, no que sen dúbida calquera de nós que tocase a súa vida, por moi breve que fose ese contacto, querería vivir. Hoxe sinto máis ca nunca que, nos tempos que corren, construír unha comunidade dos afectos é o maior acto de subversión que unha persoa pode exercer. Rachar cos ditados do sangue, dos foros da familia, da envexa, da competitividade, do militarismo, dos estados, da división constante e permanente das mulleres, mesmo literal, desmembradas en anacos metafóricos e literais. Transformar todo iso, por arte de maxias que a ela lle debían de ser ben coñecidas nun espazo de acollida onde o persoal é sempre político e polo tanto colectivo, onde unha sempre se atopa unida a tantas outras, é o traballo dunha vida para as vidas de todas as demais. Fronte ao silencio dos xornais, a comunidade dos afectos que Begoña Caamaño creou sente hoxe a súa ausencia como unha carga pesada. Mais unha carga repartida entre tantos ombreiros que ela quixo e coidou. Entre eles, estou segura, os ombreiros de tantas lectoras e lectores que se achegaron ás marabillas de Circe e Morgana. Tamén nos ombreiros de tantas outras que nos dedicamos á escrita e para quen sempre tivo palabras que eran como elos dunha cadea que buscaba un nosoutras diverso pero firme. A cultura patriarcal dinos que o máis importante dunha escritora é a súa obra, que é “só” por iso que debe ser lembrada e celebrada. A cultura patriarcal esquece, como ben sabía Begoña, que a obra e a persoa son inseparables e que precisamente en autoras coma ela a súa personalidade acolledora e brillante reborda en cada palabra. E por moito que haxa quen tentase reducir ese traballo minucioso, feminista e demorado a unha reescrita do pasado, nosoutras sabemos que, en realidade, Begoña sempre reescribiu o futuro. A nosa homenaxe a ela será facelo realidade cada día. ( SERMOS GALIZA, 28/10/2014)

En palabras de Carlos Negro

Carta desde a illa de Eea De Circe, deusa infeliz que leva na fronte a marca da saudade, para Begoña Caamaño, muller libre e notable escritora, cuxa ausencia conmove as entrañas con grande coita.

Prezada compañeira: Desde o lamento que provoca a partida daquelas que máis amamos, e mesturada coa dor que pousa no ánimo o impío capricho das Moiras, permite que invoque o teu nome como un néctar sagrado á beira dos cons desta illa oculta aos ollos do mundo, gándara onde moitas de nós loitamos por construír unha civilización que aínda non se albisca no horizonte, presas da tiranía que tan adoito exercen os nosos compañeiros masculinos, ben polo imperio das armas, ben polo abuso da lei, que acostuma nos tratar como servas. Quero agradecerche, nobre compañeira, máis alá das bágoas que esvaran sen vergoña polos sucos do rostro, a clarividencia dos teus actos, e as enormes doses de entusiasmo que fuches pousando, como unha mensaxeira da alegría, alí por onde os teus pés (non alados) pisaban. E sempre, desde o exercicio pleno da palabra, a perseguir esa utopía colectiva que ás veces semella tan lonxe: o ben común dunha sociedade de mulleres e homes libres, sen grillóns nin cadeas, unidos pola cor lila, emblema de liberdade. Quixera agradecerche tamén, desde este arquipélago imaxinario da literatura, a xenerosidade da túa voz, que deu alento a aquelas que nunca o tiveron, pois outros, deuses sen misericordia, sentían e decidían por elas, negándolles o don da fala. E permite que che mande, desde o alén onde as vellas sombras se volven mitos, unha cálida aperta de Penélope e Morgana, de Medea e Clitemnestra, de Andrómaca e Helena. Porque ti, Begoña, acolliches as súas voces na túa boca, mudando o rumbo dos seus tráxicos destinos. E debes saber, nestas horas de tránsito incerto, que agardamos por ti, conscientes e solidarias, na illa onde nacer muller nunca será unha condena. Para navegarmos xuntas por océanos inexplorados, irmás de singradura. (PRAZA PÚBLICA, 28/10/2014)

jueves, 23 de octubre de 2014

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

O 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas Escolares. No cartel incluímos as propostas para este 1º trimestre.

sábado, 18 de octubre de 2014

VERSOS RECREADOS 2

Secuencia A

Ás oito da mañá comezo a facer tortillas.
Fágoas todo o día,
con e sen cebola,
soas ou acompañadas de leituga e tomate,
ás veces con chourizo,
moito en bocadillo,
sobre todo ás dez ou ás once,
tortillas dos andamios para os obreiros
que berran e traen as mans sucias.
Cómenas con cervexa,
os días grises, sentados trala barra.

Tortillas para os obreiros (1996)

Fran Alonso


Asasino de videoxogo
Ás catro da tarde comezo coa videoconsola
Pasan as horas
Con ou sen amigos
Mato inimigos solitarios ou acompañados  por exércitos
As veces francotiradores
Moitos artilleiros
Sobre todo grupos de dez ou vinte
Asasino de azotea pra soldados descubertos
Que berran   e tentan chamar reforzos
Mais gaño o xogo , xa están mortos
Así paso os días grises sentado nun sillón

ROBERTO MARTÍNEZ LORENZO

Ás sete , ao mencer , colle o seu violín ,
observa as cordas ,
fainas soar ,
e pensa o que lle espera esa mañá,
pero antes ,
moi amodo ,
colle o arco con descaro ,
mira as notas ,
unha a unha ,
e fai soar , como se nada ,
eses pentagramas .

ANDREA PARDO LORENZO

VERSOS RECREADOS

HEIN D'IR


HEIN d'ir ó Pía Páxaro i a Boca do Faro
deitarme na Campa da Lucenza nun claro.
Hein d´ir á Devesa da Rogueira i a Donís
ó Rebolo á Pinza i ó Chao dos Carrís.
Hein d´ir a Lousada i a Pacios do Señor
a Santalla a Veiga de Forcas i a Fonlor.
Hein d´ir ó Cebreiro pasar por Liñares
rubir o Iribio a Cervantes i a Ancares.
Hein d´ir a Cido i a Castro de Brío
baixar i andar pola aurela do río.
Hein d´ir a Céramo cruzal´o Faro i entón
debrocar pra baixo cara Oéncia e León.
Hein d´ir a Vales i a Pena da Airexa
i a un eido solo onde ninguén me vexa.
                                                                                Uxío Novoneyra

HEIN D’IR
HEIN dír ó campo de Fabenlle
Deitarme nas ramas do cereixo da Devesa
Hein d´ir os Congros e a Soutela
As árbores da Xesta e as vides do Lugar
Hein d´ir o Castelo e os Terreos
As Bregañas e o Peso
Hein d´ir  a Carreira i o Campo do Muiño
Baixar e andar canda as présas
Hein d´ir a Carballo de Arriba i entón
Gabear as grandes rochas
Hein d´ir polo Monte Alto
I agocharme pra que ninguén me vexa
Roberto Martínez Lorenzo


Hei de ir á Cruz e á o Piñeiral
Deitarme na sombra da herba.
Hei de ir á Veiga do Monte
e ao O Monte do Balado.
Hei de ir á Poza da Cruz,
Sentarme na pedra alta,
Esperando a que anoiteza.
Hei de ir á O Monte Faro,
Subirme ao alto de Peña,
E ver o mundo que me rodea.
Hei de ir de volta á miña casa,
Budiño, Vitureira, Arrotea


Cristian Martínez

jueves, 16 de octubre de 2014

COMEZAN OS CLUBS DE LECTURA!

O martes 14 de outubro comezamos de novo cos Clubs de Lectura, iso si, un pouco sorprendidos pola afluencia de rapazas e rapaces...70!.Formaremos cinco grupos, tres en 1º Ciclo de ESO e 2 no 2º Ciclo, Bacharelato e Ciclos formativos. Leremos catro libros diferentes. Xa andan arredor de 40
libros rulando polo instituto. BOAS LECTURAS!




martes, 14 de octubre de 2014

Biblioribeira, unha biblioteca para as familias

A biblioteca do teu fillo/a é tamén a túa e nela atoparás:
  • Unha sala de consulta e lectura con materiais en libre acceso aberta nos recreos e os martes pola tarde despois das clases ata as 19.30 horas e en horario de Educación de Persoas Adultas.
  • Recursos electrónicos e informáticos con acceso a internet.
  • Mochilas viaxeiras con revistas, películas, música e lecturas para compartir en familia.(1º ciclo de ESO)
  • O catálogo en rede para consultas e reservas dende a casa:
  • O Blog da Biblioteca e conta de facebook con información e difusión das actividades que se fan no instituto relacionadas co libro e a lectura.
  • Un Club de Lectura no que podes participar. Se desexas anotarte enche o impreso e entrégao polo teu fillo/a na biblioteca.


Fomentar a lectura no compete unicamente aos profesionais da educación, tamén nas bibliotecas, nos fogares ou nas rúas xógase a sorte dun lector. 


JUAN MATA

HORA DE LER 2014-2015


1.PRESTA ATENCIÓN AO CALENDARIO PARA SABER OS DÍAS E HORAS NOS QUE, NO PRESENTE CURSO, SE REALIZARÁ A ACTIVIDADE.

2.SEGUE AS RECOMENDACIÓNS DO PROFESORADO PARA  AS LECTURAS

3.PODES ACUDIR AOS PRÉSTAMOS DA BIBLIOTECA ESCOLAR, NOS RECREOS SOBRE TODO. A BIBLIOTECA NON FARÁ PRÉSTAMOS NO TEMPO DE LECTURA.

4.CUMPRIMENTA A FOLLA PARA QUE POIDAMOS COÑECER OS TEUS GUSTOS LECTORES...(TÍTULO DO QUE LES, DATA DE INICIO E REMATE DA LECTURA, ...)

 






Horas Luns Martes Mércores Xoves Venres
8,45
9,35
13 de outubro 25 de novembro 11 de febreiro 9 de abril 22 de maio
9,35
10,25
20 de outubro 2 de decembro 25 de febreiro 16 de abril 29 de maio
10,25
11,15
27 de outubro 9 de decembro 4 de marzo 23 de abril 5 de xuño






11,45
12,35
3 de novembro 16 de decembro 11 de marzo 30 de abril
12,35
13,25
10 de novembro 13 de xaneiro 18 de marzo 7 de maio
13,25
14,15
17 de novembro 20 de xaneiro 25 de marzo 14 de maio






16,00
16,50

27 de xaneiro


16,50
17,40

3 de febreiro